Asinamos un convenio coa Fundación MAPFRE e FEAFES para fomentar a inclusión laboral

Sábado, 05 de Xullo de 2025

Hoxe a Asociación Área Empresarial do Tambre, Fundación MAPFRE e Saúde Mental FEAFES Galicia asinamos un convenio de colaboración destinado a fomentar a inclusión laboral de persoas con problemas de saúde mental e outros colectivos en risco de exclusión.

O acordo deu se na sede da AAET por José Fernández Alborés, presidente da nosa asociación, Constantino Bargo, representante de Fundación MAPFRE en Santiago, e Xosé Ramón Girón, presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia, dentro do proxecto “Xuntos Somos Capaces” e a convocatoria de axudas Accedemos.



Un convenio para romper barreiras

Durante o acto, Constantino Bargo subliñou que “o compromiso coa inclusión laboral vai máis alá da asistencia; trátase de transformar realidades, de ofrecer oportunidades a quen máis o necesita”. Destacou ademais que as empresas son axentes de cambio imprescindibles e que este convenio permitirá xerar un impacto positivo máis profundo na comunidade.

José Fernández Alborés destacou que a Área Empresarial do Tambre aposta pola igualdade de oportunidades e por unha cultura empresarial inclusiva e comprometida, e que este acordo reforza a responsabilidade social das empresas asociadas.

Pola súa parte, Xosé Ramón Girón informou que en 2024 o servizo de emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia atendeu a 1.250 persoas, das que o 63% atopou traballo, superando a media nacional do 18,9% rexistrada polo INE. Ademais, 156 destas persoas son de Santiago e contorna. Lembrou que a inserción laboral é esencial para a recuperación e autonomía das persoas con problemas de saúde mental, e destacou que “este tipo de convenios demostran que a colaboración é o camiño para construír unha sociedade máis xusta e cohesionada”.

Compromisos das entidades firmantes

Co presente convenio, comprometémonos a desenvolver accións de orientación, formación, intermediación laboral e sensibilización, así como a fomentar o cumprimento da Lei Xeral dos Dereitos das Persoas con Discapacidade (RDL 1/2013), promovendo o emprego apoiado e a responsabilidade social corporativa no tecido empresarial galego.