A Asociación Área Empresarial do Tambre inicia un novo Programa Integrado de Emprego no que asesorará a un centenar de mozos e mozas menores de 30 anos e a mulleres desempregadas na busca de emprego
A Asociación Área Empresarial do Tambre inicia unha nova edición do Programa Integrado de Emprego de Galicia, subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade a través dos programas da Dirección Xeral de Formación e Colocación (Servizo de Programas Mixtos).
Nesta edición, a asociación traballará con 100 participantes, 70 mozos e mozas menores de 30 anos con baixo nivel de estudos e 30 mulleres desempregadas con diferentes niveis formativos. O aspecto esencial do programa céntrase nas accións de orientación e intermediación laboral para a inserción dos participantes, que axudarán a potenciar a súa confianza, reforzar a súa motivación e enriquecer os seus contactos sociolaborais. Ademais, esta orientación laboral individualizada servirá para que os participantes coñezan novas técnicas de procura de emprego, realización de currículos ou a preparación de entrevistas de traballo.
O programa, que se desenvolverá ata o 21 de novembro de 2022, conta tamén cunha dimensión formativa, coa programación de accións sobre motivación, habilidades comunicativas, idiomas ou informática, destinadas a mellorar a empregabilidade dos participantes. Outra cuestión que se traballa no programa é a realización de prácticas profesionais non laborais en empresas da contorna para que os participantes adquiran habilidades e hábitos de traballo. A asociación considera que as prácticas son unha actividade moi aceptada polas empresas, xa que lles permite testar a integración dos candidatos no ambiente da empresa.
Nesta liña de fomento do emprego, a Asociación Área Empresarial do Tambre ven xestionando desde fai máis de quince anos unha bolsa de emprego e participando nos Programas Integrados de Emprego en edicións anteriores, acadando a inserción do 50 por cento dos participantes. Con medidas como estas, a asociación aposta decididamente pola orientación e formación continua como a “mellor vía para obter emprego”, convertendo a inserción laboral nunha das súas principais misións como asociación.