Comeza TAMBRE TRABALLA IV

Luns, 14 de Xaneiro de 2019

Seleccionados os cen participantes do Programa, dan comezo as accións de orientación, intermediación e formación laboral



A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inicia unha nova edición do Programa Integrado de Emprego de Galicia “TAMBRE TRABALLA IV”, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través dos programas da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral (Servizo de Programas Mixtos).

 

Nesta edición, a asociación traballará con 100 participantes menores de 30 anos con perfís moi distintos en canto a estudos realizados. O aspecto esencial do programa céntrase nas accións de orientación e intermediación laboral para a inserción dos participantes, que axudarán a potenciar a súa confianza, reforzar a súa motivación e enriquecer os seus contactos sociolaborais. Ademais, esta orientación laboral servirá para que os participantes coñezan novas técnicas de procura de emprego, realización de currículos ou a preparación de entrevistas de traballo.

 

O programa, que se desenvolverá ata o mes de novembro, conta tamén cunha dimensión formativa, coa programación de accións sobre motivación, habilidades comunicativas, idiomas ou informática, destinadas a mellorar a empregabilidade dos participantes. Outra cuestión que se traballa no programa é a realización de prácticas profesionais non laborais en empresas da contorna para que os participantes adquiran habilidades e hábitos de traballo. A asociación considera que as prácticas son unha actividade moi aceptada polas empresas, xa que lles permite testar a integración dos candidatos no ambiente da empresa.


pg